Thursday 02 de May de 2024

A Xunta reforza o potencial turístico e de lecer do concello de Abegondo co novo Complexo de Beche


— O vicepresidente segundo, Diego Calvo, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron na inauguración do campamento turístico no marco da celebración do Día da Familia

— A Xunta destinou 650.000 euros para a construción das cabanas, unha piscina e zona axardinada

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron hoxe na inauguración do complexo turístico do encoro de Beche, en Abegondo, creado co apoio da Xunta. O Goberno galego destinou 650.000 euros á construción de cabanas, unha piscina e a zona axardinada.
Na súa intervención, o vicepresidente segundo salientou a aposta que representa o novo complexo por dotar tanto a veciñanza como a visitantes de espazos que favorezan o esparexemento e a dinamización da vida social no eido local. Nesta liña, Diego Calvo salientou as numerosas iniciativas postas en marcha polo Concello, especialmente a prol das familias e das persoas maiores, como a participación pioneira no programa Adestra a túa saúde, impulsado pola Xunta para fomentar o exercicio físico entre as persoas de máis de 60 anos.
Calvo referiuse tamén ao apoio da Xunta nas liñas de axudas ao eido local, como a Orde de infraestruturas ou o Fondo de Compensación Ambiental, das que Abegondo recibiu nos últimos anos máis de 360.000 euros.
Pola súa banda, Nava Castro, indicou que a través do plan estratéxico Galicia Destino Seguro a Xunta aposta polo que actualmente están a demandar os turistas, que son destinos abertos, sen masificacións, en contacto coa natureza e respectuosos coa mesma.
“Por iso apoiamos este proxecto tan interesante, mediante o cal non soamente ofértase aloxamento tanto a peregrinos como a turistas, senón que con el ofértanse alternativas de ocio únicas e diferenciadas”, subliñou a directora de Turismo.